GANADERÍA OS LOUREIROS. VIMIANZO (A CORUÑA)

Crecemento imparable grazas ao motor humano

O que comezou como unha pequena gandería familiar en Vimianzo (A Coruña) con apenas 35 vacas, é hoxe unha das granxas leiteiras máis grandes de Galicia. Ganadería Os Loureiros xestiona actualmente 1.100 animais e produce uns 22.000 litros de leite ao día. A súa evolución foi froito da profesionalización, da aposta pola innovación e dun enfoque empresarial moderno e sostible. Máis en Vaca Pinta 55.

Ganadería Os Loureiros

Localización: Vimianzo (A Coruña)

Propietarios: María Encarnación Velasco, Celestino Pose e Víctor Manuel Lavandeira

N.º total de animais: 1.100

Vacas en muxidura: 525

Media de produción: 43 l/vaca/día

Porcentaxe de graxa: 3,70 %

Porcentaxe de proteína: 3,35 %

RCS: 110.000 céls./ml

Venda do leite: Grupo Lence

Ganadería Os Loureiros reflicte á perfección como a tradición familiar pode transformarse nun proxecto empresarial de grande envergadura e é que a pequena granxa xestionada por María Encarnación Velasco Zúñiga, con apenas 35 vacas en muxido, evolucionou ata converterse nunha das referencias do sector lácteo galego.

O camiño cara a esta expansión comezou a mediados dos anos 2000, cando Celestino Pose Velasco, fillo de María Encarnación, e Víctor Manuel Lavandeira Pereira, que xa colaboraba como traballador da granxa e contaba co seu propio pequeno rabaño, decidiron unir forzas. A sociedade formalizouse entre os tres a finais de 2006, comezos de 2007 e, desde entón, o crecemento foi constante ata 2024, ano no que pasaron dun establo saturado con 350 vacas á moderna estrutura actual.

Hoxe en día, a gandería conta con dous centros de traballo na localidade coruñesa de Vimianzo: un no lugar de Reparada, destinado á recría, e outro en Señoráns, onde se concentran as vacas adultas e os acabados de nacer.

Ganadería Os Loureiros xestiona a día de hoxe arredor de 1.100 animais, dos cales unhas 590 son vacas adultas e 525 están en muxido, alcanzando unha produción media de 43 litros por vaca e día.

O crecemento das súas dimensións foi espectacular, apoiado nunha superficie de 230 hectáreas de traballo e nunha filosofía que combina experiencia, esforzo e visión de futuro.

Entre os piares esenciais deste equilibrio, Celestino Pose enumera o equipo humano, o benestar animal e a innovación tecnolóxica: “Lograr un maior benestar animal cada día, facer que os traballadores se atopen a gusto e adaptar as novas tecnoloxías ás necesidades da nosa granxa provoca que aumentemos a produción e, en consecuencia, que consigamos un maior rendemento do noso negocio”.


Celestino Pose: “Lograr un maior benestar animal, facer que os traballadores se atopen a gusto e adaptar as novas tecnoloxías á nosa granxa provoca que consigamos un maior rendemento”

imagen aérea de Agrosoneira

O SEU FUNDADOR, UN HOME EMPRENDEDOR

A historia desta granxa non se pode entender sen a figura de Celestino Pose Miñones, un home visionario que, con esforzo e espírito emprendedor, soubo sementar dúas empresas ben coñecidas no sector agro da súa comarca: Ganadería Os Loureiros e Agrosoneira.

Todo comezou no ano 1982, cando Celestino iniciou a súa andaina como distribuidor de pensos. Naquel tempo, o mundo da alimentación animal estaba en plena transformación e el viu con claridade a necesidade de ofrecer produtos adaptados tanto ao gando vacún de leite como a outras especies.

Pouco a pouco, foi ampliando coñecementos e servizos, introducindo mesturas personalizadas e innovando nun sector que demandaba proximidade e confianza. Esa capacidade de adaptación fixo posible que, en 1999, a súa actividade dese un salto cualitativo e pasase a operar baixo o nome de Agrosoneira, unha fábrica de pensos con sede en Vimianzo, que desde entón non deixou de medrar acompañando as necesidades dos gandeiros.

Paralelamente, puxo en marcha, xunto á súa esposa María Encarnación Velasco, Ganadería Os Loureiros, unha explotación que se converteu nunha referencia na produción de leite, exemplo de profesionalización e aposta pola innovación no rural galego. A súa visión foi clara: crear dúas estruturas complementarias, unha centrada na fabricación de pensos e servizos técnicos, e outra na produción láctea, capaces de retroalimentarse e aprender unha da outra.

O máis destacable é que Celestino non só fundou dúas empresas, senón que construíu un proxecto familiar. Hoxe, son os seus fillos quen recollen a súa herdanza: Paula Pose, á fronte de Agrosoneira, e Celestino Pose, dirixindo Ganadería Os Loureiros xunto á súa nai e ao seu socio, Víctor Manuel Lavandeira.

Así, o traballo iniciado por Celestino Pose segue vivo. O seu empeño fixo posible que dúas iniciativas  nacidas do esforzo persoal se convertesen en empresas sólidas, xeradoras de emprego e futuro para o rural. O seu nome permanece como a auténtica alma máter destes dous proxectos.


C. P.: “Por norma xeral non temos moitas dificultades para atopar traballadores. Iso si, cada vez precisamos xente máis formada”

IMPORTANCIA ÁS PERSOAS

Se algo teñen claro en Ganadería Os Loureiros é que o crecemento sostible dunha explotación gandeira non depende só de investimentos en instalacións, maquinaria ou innovación tecnolóxica, senón tamén das persoas que día a día manteñen en pé o proxecto. “Non é que apostemos directamente polo crecemento constante, pero si vemos necesario que sexa continuo. Como en calquera empresa que pretende ser rendible, precisamos ter mínimo un crecemento dun 3 ou un 4 % anual. Por sorte, estamos medrando algo máis actualmente e apostamos por continuar neste sentido”, explica Celestino Pose.

Ademais dos dous socios-traballadores, Celestino e Víctor, o cadro de persoal suma uns 15 empregados, unha cifra que, segundo adiantan, “seguirá aumentando nos vindeiros anos”.

A organización interna está estruturada en tres grupos de muxido, cada un composto por catro persoas. “Un despunta e pon o predipping, outro limpa e coloca, e outro pon o iodo e vai revisando que non se retire antes de tempo ou calquera incidencia que poida haber. Van rotando sempre de posto cada media hora para que o traballo sexa máis dinámico e menos monótono”, detalla Celestino.

Ademais, outra persoa encárgase das tarefas de apoio como cargar vacas, limpar camas, supervisar a alimentación ou atender partos puntuais e outras tres completan o organigrama dedicándose a áreas específicas: recría, maquinaria e mantemento xeral das instalacións. Estes tres traballadores tamén cobren as vacacións do resto do equipo, unha cuestión que se xestiona con equilibrio e planificación.

“Intentamos que todo o mundo estea contento coas vacacións, pero ao mesmo tempo é evidente que en datas sinaladas como o Nadal, nas que todo o mundo quere descansar, evitamos collelas. Se Víctor e mais eu quedásemos sós, sería imposible sacar o traballo adiante”, recoñece o gandeiro.

Para organizar os horarios, optaron por un sistema flexible e rotativo que busca conciliar as necesidades da empresa coa vida persoal dos empregados. “Fixen unha axenda de quendas rotativa ao longo das semanas. Así temos tres grupos de traballo: un de mañá, outro de tarde e outro de descanso. Cada persoa traballa unha media de 20 días ao mes, máis ou menos catro días e medio á semana”, explica. Ademais, están abertos á posibilidade de intercambiar quendas entre compañeiros para facilitar cubrir imprevistos e ofrecer certa flexibilidade.

A pesar de que no sector se fala habitualmente da falta de man de obra, en Os Loureiros non atopan grandes dificultades para contratar, aínda que si recoñecen que hai perfís máis complexos de atopar. “Ás veces parece que é complicado, que falta xente en todos os campos, pero por norma xeral non temos moitas dificultades para atopar traballadores. Iso si, cada vez precisamos xente máis formada, xa non só en tema animal ou de maquinaria, senón tamén a nivel informático”, subliña.

Nesta granxa, desde a sala de muxido ata a recría, todo funciona a través de ordenadores conectados en rede. O persoal debe ser capaz de manexar aplicacións básicas, programar incidencias ou rexistrar datos produtivos. “Cada día fai falta que a xente veña cun mínimo de ofimática e, se é posible, cun pouco máis. As explotacións modernas requiren traballadores con capacidade de adaptación e ganas de aprender”, conclúe.

En definitiva, en Os Loureiros apostan por un equipo coligado, formado e motivado, conscientes de que o verdadeiro motor da gandería son as persoas.


C. P.: “Non facemos nada rompedor, senón que intentamos manter un equilibrio entre tecnoloxía, persoas e animais”

DESEÑO EFICIENTE

O primeiro que chama a atención en Ganadería Os Loureiros son as súas instalacións, de grande envergadura e atractivo visual. A súa dimensión impresiona: 16.000 metros cadrados construídos, unha estrutura metálica asentada sobre bases de formigón e un deseño que non só busca eficiencia, senón tamén comodidade para os animais.

A semente do proxecto naceu en 2009, cando Celestino e Víctor viaxaron por Holanda, Alemaña e Bélxica na procura de ideas. “Vimos unha granxa en Holanda con este tipo de cubertas que nos pareceu moi atractiva, non só visualmente, senón tamén funcionalmente, porque permite combater o estrés por calor grazas a unha circulación continua de aire. De feito, este ano non tivemos ventiladores e non notamos o estrés por calor nas vacas”, subliña Celestino.

A colaboración co enxeñeiro Marcial Gende foi decisiva para integrar os espazos, coidando tanto a parte estética coma a práctica. O resultado é unha granxa onde cada detalle ten unha razón de ser: corredores amplos que evitan que as vacas dominantes impidan o acceso á auga ou á comida a outras compañeiras de rabaño; cubículos adaptados ao tamaño e estado produtivo dos animais, e camas de area, un material inerte que, aínda que desgasta a maquinaria, garante hixiene e confort. Segundo din: “As vantaxes da area superan con moito os inconvenientes. Non coñecemos outro material que ofreza o mesmo nivel de benestar e prevención de enfermidades”.

A aposta pola sostibilidade tamén se fai visible. A auga, uns 84.000 litros diarios, procede de pozos propios e reutilízase mediante un intercambiador de placas que reduce o consumo enerxético ao arrefriar o leite. Esa mesma auga, xa temperada, destínase despois á bebida das vacas. “Aforramos enerxía e, ao mesmo tempo, —explica o gandeiro— proporcionamos unha auga máis agradable para o consumo dos animais”.

A isto engádense comedeiros recubertos con resina, que facilitan a limpeza e evitan que os alimentos collan calor; un sistema de arrobadeiras que canaliza o xurro a unha fosa cuberta de 11,5 millóns de litros de capacidade, e ata doce cepillos repartidos polos diferentes lotes para mellorar o confort das vacas.

exterior

INNOVACIÓN TECNOLÓXICA AO SERVIZO DO NEGOCIO

Se as instalacións reflicten un deseño pensado ao detalle, a parte tecnolóxica mostra a visión de futuro da granxa. En Os Loureiros buscan innovacións e ferramentas que faciliten a xestión diaria e melloren a eficiencia. “Non facemos nada rompedor, senón que intentamos manter un equilibrio entre tecnoloxía, persoas e animais. Queremos que a tecnoloxía estea ao noso servizo, non ao revés”, resume Celestino.

Un bo exemplo é o sistema de colares, que permite monitorizar a alimentación, a ruminación e a actividade de cada vaca en tempo real. Cando o programa detecta unha caída significativa nalgún destes parámetros, lanza un aviso inmediato. “Se o programa te avisa, é porque hai un problema: pode ser un empacho, unha ferida ou unha dificultade para levantarse. O programa non se equivoca, salvo que a vaca perda o colar”, asegura.

Outro elemento clave é a porta selectora, que facilita separar animais para revisións, tratamentos ou reprodución sen interromper o fluxo de traballo tras o muxido. O sistema, conectado por Internet aos ordenadores da sala e da recría, permite unha xestión áxil e precisa dos lotes. “O manexo dos animais é moito máis doado, e iso repercute tanto no benestar deles como na nosa eficiencia diaria”, comenta.

Na recría tamén incorporaron unha amamantadora automática, que permite alimentar as xatas cun programa de 75 días perfectamente controlado.

A distribución do gando segue un percorrido pautado. Dos boxes individuais, nos que están os primeiros 10 días, pasan a varios lotes de cama quente previos á inseminación e, desde que se confirman como preñadas, saen ao campo. Tras o parto, incorpóranse de inmediato aos cubículos de area. É un proceso supervisado por veterinarios e asesores externos, que reforza a aposta de Os Loureiros pola prevención sanitaria.


C. P.: “O sistema de tres muxidos diarios facilita a organización das quendas de persoal, aumenta a produción e permítenos un maior control sanitario dos ANIMAIS”

O SISTEMA DE MUXIDO: PRECISIÓN E RENDIBILIDADE

Un dos corazóns da granxa é a súa sala de muxido, unha rotativa de 50 puntos, equipada con tetoeiras que evitan a entrada de aire e melloran a eficiencia. A elección desta tecnoloxía non foi casual. Celestino é claro: “Somos conscientes de que existen sistemas robotizados, pero para nós teñen un maior custo de alimentación, enerxía e mantemento. Ao final, encarecen o prezo do litro de leite e, no noso caso, co persoal ben organizado, conseguimos máis rendibilidade coa rotativa”.

A dinámica de traballo está perfectamente cronometrada. Os lotes van entrando en orde, cun empurrador que axuda a separar animais e garantir un fluxo constante. Cada muxido, incluída a limpeza, leva arredor de tres horas e realízase tres veces ao día: ás cinco da mañá, ás doce e media do mediodía e ás sete e media da tarde. “O sistema de tres muxidos diarios facilita a organización das quendas de persoal, aumenta a produción e permítenos un maior control sanitario dos animais”, sinala Celestino.

A sala complétase cunha zona de espera con sistema de flushing que reutiliza a auga de lavado, o que contribúe ao aforro hídrico. Ademais, grazas á porta selectora, calquera vaca que precise tratamento pode ser apartada sen interromper o ritmo da rotativa.

Outro aspecto fundamental é o compromiso co programa PRAN de uso responsable de antibióticos. “Levamos máis de dous anos no programa e facendo secado selectivo, e non notamos minguas importantes. É certo que require máis prevención e control, pero é o camiño correcto. Preferimos previr que lamentar”, asegura Celestino.

A integración de tecnoloxía, deseño funcional e protocolos de saúde animal tradúcese en resultados palpables: unha produción media de 43 litros por vaca e día, con porcentaxes de 3,70 % de graxa e 3,35 % de proteína, acompañada dun sistema de traballo eficiente e sostible.

Alejandra de la Barrera, asesora de Calidad de Leche en Ganadería Os Loureiros
Alejandra de la Barrera, asesora de Calidade do Leite en Ganadería Os Loureiros
“O 86 % das vacas mantéñense sas mes a mes, a incidencia de novas infeccións non chega ao 5 % e os pospartos son excelentes”

En que consiste o seu asesoramento en Ganadería Os Loureiros?

O noso traballo, desde hai xa moitos anos, céntrase no control mensual da calidade hixiénico-sanitaria do leite. Analizamos diferentes parámetros e na granxa facemos probas como o test de California para identificar mamites. A partir de aí decidimos que animais precisan tratamento e cales non.

Tamén revisamos os equipos físicos da sala, porque o muxido é a clave dunha granxa; todo o esforzo vai encamiñado a extraer o leite en boas condicións.

Ademais, xestionamos datos de tanque, control leiteiro e sala de muxido, o que nos permite detectar problemas e establecer protocolos.

Por que é tan importante un programa de control da calidade do leite?

Porque sen el se perde moito diñeiro. As mamites subclínicas, por exemplo, non se ven a simple vista, pero reducen a produción. Ademais, as industrias cada vez son máis esixentes cos parámetros de calidade e as primas dependen diso.

Tamén é esencial pola lexislación sobre antibióticos, xa que hai que saber cando realmente hai que tratar contra que xermes e con que protocolos. O obxectivo é reducir o uso de antibióticos e traballar con maior precisión.

Que peculiaridades pode haber nunha granxa destas dimensións?

O volume de datos é enorme e tamén a cantidade de persoal. Por iso, poñemos o foco na formación dos traballadores, para que todos sigan o mesmo protocolo de muxido.

No noso equipo traballamos cun sistema baseado na ISO 9001, que garante métodos uniformes e facilita que calquera técnico poida asumir o traballo sen cambios na calidade.

Tres muxidos ao día marcan diferenza?

Si. Sobre todo, en vacas de alta produción, fan un efecto de “lavado de ubre”, eliminando xermes e evitando acumulación de leite. Se o muxido está ben feito, melloran os parámetros de calidade e de saúde das vacas.

Que incidencia de mamites teñen nesta gandería?

Moi baixa. O 86 % das vacas mantéñense sas mes a mes, a incidencia de novas infeccións non chega ao 5 % e os pospartos son excelentes. Comparado co resto das granxas coas que traballamos, Os Loureiros ten os mellores datos de saúde de ubre e calidade de leite de forma sostida no tempo.

Estades aplicando o secado selectivo? Desde cando e por que?

Si. Porque os datos de saúde son tan bos que non tiña sentido tratar animais sans. Ademais, a lexislación empurra nesa dirección e este sistema permite reducir ao mínimo o risco de residuos de antibióticos.

A decisión foi máis doada grazas ás instalacións actuais: cando as vacas secas pasaron á nova granxa, os datos de posparto melloraron de forma espectacular. Aquí o uso de antibióticos é mínimo e só se aplica en casos moi concretos.

Como lles axudan os datos dos colares e da sala de muxido?

O noso equipo de traballo desenvolveu en 2017 un software propio que integra datos de control leiteiro, rexistros do Ligal e, cada vez máis, da sala de muxido. Cada vaca ten un historial individual con probas, observacións e incidencias.

Grazas a este sistema, preparar unha visita leva apenas uns minutos e, sobre todo, permítenos traballar co rabaño, porque nunha explotación con máis de 500 vacas non importa un caso illado, senón detectar tendencias e controlar os problemas colectivos. Os datos son a nosa ferramenta fundamental.   


Víctor Lavandeira: “O que facemos é reciclar: o que sae das vacas volve á terra, e da terra sae o que precisan as vacas. É un ciclo completo”

230 HECTÁREAS DE BASE TERRITORIAL

O manexo dos cultivos e da alimentación animal segue tamén unha planificación milimétrica. Víctor Lavandeira, encargado da parte agrícola e das racións, explica que o obxectivo é garantir calidade, frescura e eficiencia en todo o proceso.

A granxa traballa unhas 230 hectáreas, das que a maior parte —arredor de 210— destínanse á rotación de millo e herba. O resto son fincas con mal acceso, máis aptas para herba ou forraxes secas que dedican á recría. “As fincas aquí son pequenas, pero cada vez hai máis de seis ou oito hectáreas, porque se van xuntando terras abandonadas e intercambiando entre veciños. Movémonos nun radio de 10 quilómetros arredor da explotación”, sinala.

No calendario agrícola, o primeiro corte de raigrás híbrido faise a mediados de abril e o segundo corte, co que buscan días de máis sol, corresponde ás fincas nas que sementaron mesturas de raigrás, trevos e veza. Acto seguido, entra o millo. Unha parte das fincas acolle ciclos máis longos, de 450-500, e outra ciclos máis curtos, de 300, buscando graduar o ensilado. “Así conseguimos encher silos completos sen ter que andar abrindo e pechando, e adaptámonos ás condicións do terreo e da climatoloxía”, explica.

Os rendementos son moi variables: “Nun ano normal, en millo movémonos entre 38.000 e 45.000 quilos por hectárea, e na herba depende moito da humidade, pode ser entre 12.000 e 15.000 quilos por hectárea en verde”.

Todo o proceso péchase co uso do xurro como fertilizante natural, sempre aplicado despois das colleitas para nutrir o solo antes da seguinte sementeira. “O que facemos é reciclar: o que sae das vacas volve á terra, e da terra sae o que precisan as vacas. É un ciclo completo”, conclúe Víctor.

Cada mañá preparan os carros unifeed para todo o día. “Facemos dous carros para as vacas de alta produción, dous para as de baixa e un para as secas. As racións levan os mesmos compoñentes —silo de millo, silo de herba, penso e palla picada—, pero varía a proporción segundo o estado produtivo”, detalla este socio.

A recría ten o seu propio plan: as femias pasan pola amamantadora ata os dous meses e medio, que comezan a comer penso de arranque e herba seca a discreción ata os seis meses. Logo, inícianse na ración de leite ata os dez meses e pasan a unha ración máis fibrosa os meses antes da primeira inseminación. “Buscamos que a recría medre de forma equilibrada, controlando a condición corporal, para que chegue á inseminación en bo estado, pero sen excesos”, resume.

Ricardo García, asesor de Os Loureiros
Ricardo García, asesor de Reprodución e Alimentación en Ganadería Os Loureiros
“O obxectivo é maximizar a produción de leite a un custo razoable, non buscar cantidades extremas que non sexan rendibles”

Que funcións desempeña nesta gandería?

Levo oito anos traballando en Agrosoneira e Ganadería Os Loureiros, pois xa comezamos a nosa andaina na granxa antiga. Naquel entón muxían unhas 250 vacas e vendían uns 18.000 litros cada dous días. Hoxe están a producir uns 22.000 litros diarios.

O meu traballo céntrase na reprodución e na alimentación dos animais.

Por unha banda, elaboro racións adaptadas a cada lote, realizando visitas regulares para axustar a alimentación e supervisando análises de forraxes e de leite. Por outra, encárgome de toda a parte reprodutiva das vacas.

Buscamos maximizar o rendemento leiteiro sen comprometer a rendibilidade, asegurando que cada animal reciba o que necesita para render ao seu potencial.

Que racións están a administrar e cal é o motivo da súa composición?

Na granxa manexamos tres racións: alta produción, baixa produción e secas.

A ración de alta inclúe 36 kg de silo de millo, 14 kg de penso, 10 kg de silo de herba e 0,5 kg de palla; a de baixa, 44 kg de silo de millo, 12 kg de penso e 12 kg de silo de herba, e a das vacas secas, 14 kg de silo de millo, 5,5 kg de palla e 4 kg de penso.

O obxectivo, como dicía, é maximizar a produción de leite a un custo razoable, non buscar cantidades extremas que non sexan rendibles.

Dánlle importancia á calidade das forraxes? Que calidades buscan?

Si. Buscamos a máxima calidade posible, aínda que depende do clima e do proceso de ensilado. Por exemplo, o silo de millo actual ten un 38 % de amidón, o que lle dá boa dixestibilidade. O silo de herba non é perfecto, pero ten un 14 % de proteína e baixo contido en fibra, o que tamén favorece a produción.

O penso deseñámolo segundo as necesidades de cada lote, tendo en conta tamén o mercado. Para vacas de alta produción usamos un penso máis caro, mentres que no de baixa produción priorizamos a rendibilidade.

En canto á reprodución, que rutina seguen nunha granxa deste tamaño?

Aquí a reprodución é máis sinxela grazas á porta selectora, que permite un control rápido das vacas ao saír da sala de muxido. En dúas horas e media temos revisados todos os animais.

Non se usan protocolos de sincronización complexos; baseámonos na detección de celos que nos facilitan os colares e no uso de prostaglandinas. De cando en vez, aplicamos dispositivos de proxesterona ou transferencias terapéuticas, pero a maioría das veces mantemos a práctica simple e funcional.

Hai políticas especiais respecto á compra de animais ou á xestión do rabaño?

Practicamos unha política de autoxestión; a maior parte das vacas e xovencas proveñen da propia explotación e cómpranse moi poucos animais, unicamente por necesidades puntuais. Isto permite controlar a presión do parto e optimizar a venda de animais como fonte adicional de ingresos.

A filosofía da granxa céntrase en maximizar os recursos propios, para evitar depender do mercado externo sempre que sexa posible.

Están intentando mellorar algún aspecto?

Agora mesmo buscamos manter o nivel actual. A granxa funciona moi ben grazas á combinación do manexo dos gandeiros, das forraxes e das instalacións. A produción é aceptable, as calidades boas e a explotación é rendible. 

XENÉTICA RENDIBLE

En Ganadería Os Loureiros a reprodución está marcada por un manexo preciso e un obxectivo claro: manter a produtividade sen comprometer a saúde dos animais.

Víctor Lavandeira matiza que procuran adiantar a idade de cubrición das xovencas sempre que o seu de-senvolvemento o permita: “Buscamos os trece ou catorce meses. Gústanos apurar un pouco, pero sempre garantindo boas estruturas”.

O sistema baséase nun control exhaustivo dos celos, apoiado polos colares de monitorización: “Non facemos sincronizacións en masa, inseminamos todo a celo visto, tanto en vacas como en xovencas”. A media de inseminacións por preñez sitúase en 2,2-2,5 nas vacas e arredor de 1,5-1,7 nas xovencas, case sempre con seme sexado. Se unha xovenca non queda preñada tras tres intentos, recorremos a touros de carne, sobre todo de angus.

En canto aos partos, buscan que cada vaca teña unha cría ao ano: “A nosa idea é que a vaca paira ao ano, porque nos parece que é cando mellor funciona”. Actualmente, a media está en 2,2 partos por animal, pero o obxectivo é acadar os tres.

A xenética ocupa un papel esencial. Sen chegar aínda á xenómica, seleccionan touros en función de criterios claros: “Queremos obter animais de tamaño medio, boas patas e bos ubres. Non queremos vacas grandes, que ao final acaban tendo máis problemas”.

Traballan tanto con touros probados coma con xenómicos, sempre atendendo o equilibrio entre rendemento e prezo. En canto aos cruzamentos, optan por angus e azul belga, pois valoran a facilidade de parto e o bo desenvolvemento dos xatos. “Cos angus paren moi ben, e agora mesmo hai bastante interese no mercado”, concreta Víctor.

Ademais de producir leite, tamén comercializan animais: “Vendemos a particulares, nalgunha poxa e os machos van ás feiras ou directamente a tratantes”.

O leite véndeno a Grupo Lence desde hai máis de trinta anos. “Esta industria esíxenos certos parámetros de células somáticas, proteína e graxa, ademais de garantir o benestar animal”, destaca.


C. P.: “A nosa filosofía seguirá baseándose en gastar menos e producir máis, sen esquecernos nunca de mellorar o benestar animal e laboral”

SEN PRÉSA, PERO SEN PAUSA

Desde que en 2007 iniciaron a súa actividade con 74 vacas ata as 525 actuais, a estratexia en Ganadería Os Loureiros foi clara: avanzar sen présa e optimizar recursos. “Ninguén pode prever o futuro, pero a nosa filosofía seguirá baseándose en gastar menos e producir máis, sen esquecernos nunca de mellorar o benestar animal e laboral”, sentencia Pose.

Para os dous gandeiros coruñeses, o sector leiteiro evoluciona cara a unha maior profesionalización e esixencia. “Cada día hai máis tecnoloxía, máis trazabilidade e máis compromiso ambiental. Este será o noso reto para alimentar unha poboación cada vez máis crecente”, din.

Neste escenario, preséntase unha dualidade. Por unha banda, a demanda de alimentos non deixa de aumentar e, por outra, o debate sobre as explotacións de gran tamaño, como Ganadería Os Loureiros, cada vez está máis presente na sociedade e nas administracións.

Celestino Pose e Víctor Lavandeira defenden o seu modelo: “Nunha gandería grande é onde mellores condicións se lles pode dar aos empregados e onde mellor se pode xestionar o persoal. Se hai terreos, man de obra e boa xestión, por que poñer límites?”.