MÓNICA GARCÍA - CENTRO VETERINARIO MEIRA (LUGO)

“Tiñan que contar cos veterinarios como parte do comité asesor do Goberno”

A crise do coronavirus SARS-CoV-2 afectounos, sobre todo, as primeiras semanas, pois tivemos que suspender algunhas visitas a explotacións, que non eran imprescindibles, e traballar, o que se podía, de forma telemática para evitar maior contacto co persoal das granxas. Aos poucos foise restablecendo a normalidade, tomando as medidas necesarias, e agora facemos case todas as visitas mensuais. Ademais, como nós usamos a ferramenta do control leiteiro, que suspenderon no mes de abril, vímonos obrigados a asistir a algúns muxidos a maiores para resolver certos problemas que se presentaron nalgunhas explotacións. De momento, na zona que traballamos non se sabe de moitos casos positivos, o que fai que se leve mellor a situación, pero sen baixar a garda.

En canto ás medidas de bioseguridade, ademais das que xa temos establecidas habitualmente, tivemos que ser máis prudentes e facer uso da máscara, as máscaras protectoras, desinfección a fondo do material e superficies do coche que máis tocamos, como o volante, a panca de cambios, os tiradores ou as portas, e, sobre todo, manter a distancia social co persoal das explotacións. Unha vez de volta do traballo era necesario quitar a roupa e o calzado ao entrar na oficina ou na casa, a desinfección do móbil...

Moitos gandeiros preguntábannos polas máscaras, se se debían usar ou non, polos desinfectantes que debían utilizar... e, sobre todo, algúns, que teñen operarios traballando na explotación, preguntábannos que medidas debían tomar. As medidas que lles recomendamos son as de sempre: distanciamento social, lavado de mans con auga e xabón con frecuencia, que desinfectasen as superficies e que tivesen especial coidado coa xente maior que adoita vivir nas súas casas, que habitualmente están polas explotacións en contacto con toda a xente que a visita.

Por último, creo, por suposto, que tiñan que contar cos veterinarios como parte do comité asesor do Goberno, xa que somos coñecedores destas enfermidades e temos moito que achegar. Hai que alcanzar a inmunidade da poboación e hai que facer tests masivos. Eu penso que hai moi bos veterinarios expertos en inmunoloxía e microbioloxía que poden achegar moito e, de feito, aí temos a estratexia One Health, que se está desenvolvendo entre médicos e veterinarios para o coidado da saúde humana e animal e un bo uso dos antimicrobianos. Debemos camiñar todos cara a un mesmo rumbo.


LER CON LUPA COMPLETO: O LÁCTEO, UN SECTOR PARA TEMPOS DE CRISE