JOSÉ MARÍA MIGUEL (SAT HERMANOS MIGUEL - TALAVERA DE LA REINA, TOLEDO)

“Somos conscientes de que o problema excedentario que está sufrindo a UE nos vai salpicar a nós”

A nosa rutina de traballo non cambiou moito desde a aparición da covid-19, salvo algúns detalles. O traballo de alimentación, coidado, muxido e seguimento dos animais segue exactamente igual, pero si é certo que extremamos as medidas de seguridade en canto a limpeza e desinfección, sobre todo das áreas onde hai máis tráfico de persoal: traballadores da granxa, camión de recollida do leite, camión de pensos, veterinarios...

Tamén lle engadimos ao noso protocolo diario o uso de máscaras e fundas de usar e tirar, pois as luvas xa se viñan usando anteriormente. Outro detalle é que durante un mes se deixou de facer o control leiteiro oficial e se reduciron ao básico as saídas a cooperativas e ADSG.

En canto á venda de leite, é evidente que a situación é desfavorable en todos os sentidos. Ata o día de hoxe, na nosa zona o leite de vaca non tivo problema para colocarse, pero estase vendo afectado pola crise dos leites de cabra e de ovella e polo estancamento dos queixos.

A industria é experta en crear unha nube negra, un clima de crise e alarma que fai que creamos todo o que di. Estásenos transmitindo que hai que reducir a produción e neste momento de renovación de contratos hai gandeiros aquí, en Castela-A Mancha, que tiveron que asinar sen prezo e cunha redución do 30 % no volume de entregas.

Con todo, hai datos que indican o contrario. Os bancos de alimentos, por exemplo, están a demandar moito leite; nos supermercados a venda de leite e iogures aumentou un 30 % no mes de abril, segundo datos do Ministerio, e as exportacións mantéñense igual, polo que non vemos tanta xustificación nas mensaxes negativas que nos transmiten.

Doutra banda, non entendemos como se pode permitir que entren tantas cisternas de leite líquido de fóra, como así denuncia algún sindicato, e a uns prezos de vergoña. Logo transformarana aquí e dirán que é de España.

Somos conscientes de que o problema excedentario que está sufrindo a UE nos vai salpicar a nós con tanta entrada de produtos lácteos e, sobre todo, de queixos, tirando por terra as cotizacións. Por iso creo que deben pór en marcha medidas urxentes coma o almacenamento de leite en po e demais derivados. De igual maneira, tamén podería ser interesante a aplicación dunha redución da produción bonificada a nivel europeo.

Para terminar, só unha reflexión: por favor, que se teña máis en conta o sector primario, porque non me quero imaxinar que sería da sociedade se o desabastecemento de máscaras e demais material sanitario fose de produtos de primeira necesidade como a alimentación… Evidentemente, un caos.


LER CON LUPA COMPLETO: O LÁCTEO, UN SECTOR PARA TEMPOS DE CRISE