MANUEL IGLESIAS (SAT O CHOPE - SILLEDA, PONTEVEDRA)

“Estanos afectando moito á hora de dar saída os animais”

A crise do coronavirus estanos a afectar parcialmente. Nas nosas actividades do día a día non o notamos demasiado porque os animais hai que atendelos igualmente, pero si nos está afectando moito á hora de darlles saída aos animais da explotación, tanto nos prazos coma nos prezos, que están a ser extremadamente baixos. Pola contra, a baixada dos prezos dos combustibles está a afectarnos positivamente, xa que estamos na tempada de máis consumo de gasóleo. Temos toda a maquinaria en propiedade e non contratamos empresas de servizos para o ensilado nin para a sementeira do millo. O que si fixemos foi seguir as recomendacións básicas de manter as distancias entre os traballadores e hixienizar as mans todo o posible.

Ademais, non estamos recibindo a ningún comercial, salvo os estritamente necesarios: os de seme, os do servizo de reprodución e os técnicos de podoloxía. Todo o resto facémolo vía telefónica. Algo que tamén notamos moito é a cancelación de todas as reunións e eventos presenciais, o que nos deixa máis tempo libre para a granxa.

Na renovación do contrato non nos afectou, xa que nós estamos apostando pola renovación anual e xa a asinamos a mediados de febreiro, pero si é certo que a outros gandeiros que non asinaran agora só lles propoñen facelo por tres meses. De cara ao futuro eu espero que nun ano o mercado lácteo se estabilice, pero o da carne vai ser máis complicado, xa que hai moitos animais acumulados nas granxas e a caída do turismo non se vai recuperar dun mes para outro.


LER CON LUPA COMPLETO: O LÁCTEO, UN SECTOR PARA TEMPOS DE CRISE