VÍCTOR MANRIQUE (SERVIZO DE ALIMENTACIÓN DE SERAGRO S. COOP. GALEGA)

“Non se entende a ausencia de profesionais veterinarios nos comités que dirixen a loita contra a pandemia”

As primeiras catro semanas desde a declaración do estado de alarma estiven recluído no meu domicilio. Avisei os meus clientes de que estaba dispoñible telefonicamente e de que acudiría ante calquera situación urxente ou anómala que se presentase. Realicei bastante traballo de forma telemática (elaboración de racións e informes), a recollida de mostras canalizouse a través dos propios gandeiros ou das fábricas de penso e tamén utilizamos fotografías e vídeos para resolver algúns temas. Creo que puidemos liquidar bastante ben os asuntos que nos foron xurdindo, aínda que botei moito de menos a observación directa das vacas, dos ensilados e o contacto directo co gandeiro. 

A partir da quinta semana retomei as visitas ás granxas aplicando as recomendacións realizadas polas autoridades sanitarias en relación coa pandemia, sobre todo o respecto escrupuloso pola distancia de seguridade (2 metros) e a familiarización cunha nova “compañeira”, a máscara, xa que as luvas desbotables sempre as teño postas na granxa. Tamén reducín ao imprescindible o traballo de oficina na explotación e cando a teño que utilizar non compartimos o local; uso desinfectante en botas e pantalóns e póñome luvas limpas e, se teño que usar o computador da granxa, ao saír pásolle unha toalla de papel con desinfectante polo teclado e o rato.

Respecto da percepción da situación, creo que toda a xente está informada sobre que é a enfermidade, cales son as súas vías de contaxio e as recomendacións para reducir a propagación. Durante estes días asistín a tarefas realizadas en común durante o ensilado da herba e puiden observar unhas boas rutinas de traballo para minimizar os posibles contaxios. Aínda así, pola miña forma de ser e pola miña formación sanitaria, non deixo de recalcar cousas: sempre lles digo que traten a xente que visitamos as granxas (veterinarios, comerciais...) como posibles infectados, que respecten a distancia social, a importancia do uso de luvas, a limpeza de mans e o uso de máscara na relación coa xente “estraña” e cando a distancia non sexa posible.

No entanto, a baixa incidencia tanto de contaxiados como de falecidos, así como o estilo de vida no campo, cambian a perspectiva da pandemia. Toda a xente coa que tratei estes días manifesta a enorme sorte que ten de estar no campo durante o longo período de confinamento; tamén, do mesmo xeito que pasa na cidade, hai unha extrema preocupación no que se refire ao regreso a unha incerta normalidade.

En canto á prescindencia do corpo veterinario nas decisións sanitarias que se poidan tomar para loitar contra a covid-19, paréceme un luxo innecesario. A profesión veterinaria ten unha vocación sanitaria innegable e está afeita a lidar con zoonoses (enfermidades animais transmisibles ao ser humano) de maneira continuada e exitosa. Non se entende a ausencia de profesionais veterinarios nos comités que dirixen a loita contra a pandemia. Noutros países non sucede así.


LER CON LUPA COMPLETO: O LÁCTEO, UN SECTOR PARA TEMPOS DE CRISE