COVAP: EMILIO DE LEÓN (DIRECTOR DE ACTIVIDADE LÁCTEA E COMPRAS)

“Multiplicamos esforzos como industria láctea para darlles o mellor servizo aos nosos clientes”

Desde a nosa industria estamos a vivilo co extraordinario compromiso que sempre demostraron tanto os gandeiros coma os transportistas e, por suposto, os traballadores de Covap, poñendo de manifesto unha vez máis que o noso modelo cooperativo é un modelo de seguridade, territorio, solidariedade e entrega.

A nivel produtivo as industrias de Covap mantiveron a mesma actividade que antes do confinamento. O que si é certo é que a semana previa ao estado de alarma os pedidos en lácteos se dispararon e houbo unha actividade frenética nas cargas de camións con destino aos clientes, que co paso das semanas volveron á normalidade.

Así, nas primeiras semanas multiplicamos esforzos como industria láctea para darlles o mellor servizo aos nosos clientes ante a maior demanda dos consumidores, xusto antes do confinamento; iso si, sempre con gran responsabilidade e antepoñendo a seguridade e a saúde de todos. Pola súa banda, a área cárnica seguiu a súa actividade, garantindo a recollida dos animais das ganderías dos socios a pesar de ter problemas puntuais, fundamentalmente en ovino durante a primeira fase e tamén na industria do porco ibérico, pola crise económica e o peche da hostalería.

Como resumo, esta crise puxo a proba a boa engrenaxe e compromiso que existen en Covap para darlles seguridade tanto ao gandeiro, no seu día a día e en momentos complicados, coma ao cliente, ao que lle podemos prestar o mellor servizo cos nosos produtos transformados. Así mesmo, puxo en valor a produción nos territorios próximos ao consumo, unha lección que o consumidor non debe esquecer, pois ser autosuficientes en sectores como a alimentación e a sanidade é fundamental, tanto que nesta situación nos nomearon como sector esencial.

Ademais, fíxonos ver que o impulso doutras formas de venda (a canle on-line) chegou definitivamente para quedar e teremos que ser dixitais por obrigación.

Por último, todo isto reforzou o modelo no que traballamos dende hai tempo e que ha de insistir en construír unha cadea agroalimentaria sustentable, que lles achegue rendibilidade a todos os seus compoñentes, unha cadea integrada e íntegra, de valor e de valores.


LER CON LUPA COMPLETO: O LÁCTEO, UN SECTOR PARA TEMPOS DE CRISE