Verónica, Alba, Luisa, Isabel, Mati, Yomar, Gema e Marta son profesionais que desempeñan a súa actividade laboral en diversas áreas relacionadas co sector primario. Con elas conversamos sobre a súa experiencia traballando nun mundo cunha marcada presenza masculina, así como sobre as tarefas pendentes para poder acadar a igualdade de oportunidades no traballo fronte aos seus compañeiros. Reportaxe completo en Vaca Pinta 43.
Se algo foi sempre a muller rural, é traballadora. Traballaba na granxa e no campo, e tamén atendendo os labores do fogar, criando os nenos e coidando dos enfermos. Non ocorría o mesmo tradicionalmente en núcleos urbanos, nos que ata hai non tanto era máis habitual que exercesen exclusivamente como amas de casa. Entón, se neste sector a muller foi historicamente unha traballadora máis, por que eles seguen sendo máis en xornadas, en feiras, en concursos morfolóxicos, dirixindo ganderías...? Todo se reduce ao lugar que se lles dera a elas ata o de agora.
Resulta evidente o cambio de paradigma que se está producindo e que vai en consonancia coa evolución da sociedade. Sen dúbida, o seu labor nunca foi indiferente e, contra a invisibilidade dun traballo imprescindible, cada día son máis as que se erixen como verdadeiras referentes que rompen teitos de cristal, eliminan brechas salariais e inclinan a balanza para equilibrar as oportunidades ás que teñen acceso uns e outras.
Gandeiras e veterinarias, comerciais e responsables de empresas de servizos, profesoras e estudantes de ramas relacionadas con este ámbito... Mulleres con distintas vivencias e inquietudes, de idades dispares e con perspectivas diferentes fálannos en primeira persoa das luces e sombras da súa experiencia profesional, así como de como leva o sector produtor a promoción da igualdade, un dereito humano fundamental que, segundo os últimos datos do CIS, nalgúns ámbitos empeza a parecer... “excesivo”.
EN CIFRAS
Nunha enquisa realizada en 2022 por controladores de Africor Lugo en 1.150 granxas asociadas, reflíctese que, do total de persoal traballando nelas (3.094 persoas, entre propietarios únicos, membros de sociedades e traballadores por conta allea), un 34 % son mulleres.
Así mesmo, cabe destacar o volume de controladoras lácteas nesta provincia: 33 dos 49 empregados son mulleres (67 %).
Por outra banda, a Asociación Nacional de Especialistas de Medicina Bovina de España (Anembe) apunta que, das 1.055 persoas que están asociadas na actualidade, 230 son mulleres (un 21,8 %).
Un dato que rompe un pouco con esta tendencia é o que se refire ás futuras profesionais veterinarias. A Facultade de Veterinaria de Lugo estima que, dos seus 680 estudantes, un 80 % son mulleres. Máis concretamente, do total de educandos, un 30 % aposta por centrarse en grandes animais e, destes, estímase que un 60 % son mulleres, unhas cifras que, sinalan desde o decanato, non son a excepción, senón a norma na última década. Por outra banda, neste centro, das 72 persoas que imparten docencia, 34 son profesoras e, delas, 9 están enfocadas na rama da produción.
“Desde que eu empecei ata hoxe, a situación cambiou moito”, valora Verónica Rodríguez ao preguntarlle pola evolución do rol da muller dentro dunha gandería. “Antes, o normal era ter un papel máis secundario; hoxe xa é máis habitual que collamos o temón, que sexamos unha cara visible na granxa”. A educación, destaca, foi un factor clave para esta transformación: “Está a haber outra tendencia, a igualdade empézase a notar, e estou segura de que se notará moitísimo máis”.
No caso de Verónica, a súa relación co sector é a máis tradicional: vén de familia gandeira, con 18 anos incorporouse á explotación familiar e, con 32, creou unha sociedade con outros dous socios. Concretamente, en 2014 fíxose efectiva a unión das ganderías Casa de Riquiño e Casa dos Poles. Así naceu Ganadería Verica, da que é propietaria xunto con Carolina Valderrama e Enrique Fernández.
Esta granxa conta, a maiores, con outras dúas persoas traballando, unha muller e un home. “Nunca fixemos ningunha distinción, nin co noso persoal, nin cos servizos externos. O único criterio é que fagan o seu traballo o mellor posible”, remarca. “De feito, creo que, en xeral, cada vez hai máis empregadas nas granxas, algo que, sen irnos moi atrás, diría que nos últimos cinco anos se notou moitísimo. Antes era pouco común… a quen se lle ocorrería contratar unha traballadora, vaia!”.
En canto á repartición de tarefas, explica Rodríguez que non hai grandes diferenzas entre eles, máis aló da franxa horaria na que traballen: “Desde hai un ano facemos quendas. Na de mañá hai tres persoas e na de tarde, dúas. Rotamos cada semana; entón, dependendo diso, cada un leva unhas tarefas. Ao final, facemos todos de todo”.
Precisamente falando dos factores que poden facer que máis mulleres se interesen por este sector, Rodríguez alude á mellora que experimentaron en Verica ao pasar a traballar por quendas: “Ter un horario seguido permíteche outra flexibilidade para organizarte, para conciliar, ou mesmo para o lecer; quizais apostas coma estas, xunto coa tecnificación das granxas, poidan axudar a que se interesen máis por este traballo e non o vexan como algo tan complicado ou tan duro”.
En canto ao trato recibido como muller á hora de traballar, fai un matiz: “No día a día eu non podo falar de que haxa diferenzas”, afirma, malia que apunta que aínda recibe comentarios puntuais que tenden a facer de menos o seu papel dentro do negocio: “É verdade que ás veces chega á gandería algún comercial novo e o primeiro que fai é preguntar polo ‘xefe’. Entón, tanto Carolina coma min contestámoslle que o xefe non está, pero si as xefas”, resume.
Unha situación na que notou especialmente diferenzas de trato deuse cun antigo empregado, que tiña certa reticencia a aceptar as súas indicacións: “Digamos que un traballador que tiñamos antes prefería facerlle máis caso a Enrique que a nós as dúas...”, conta. “Agora, non é o caso. O equipo que temos traballa en perfecta sintonía”.
Apunta Verónica que, segundo a súa experiencia, o papel da muller dentro da granxa foi cambiando a medida que cambiaba a visión que se ten do sector produtor, así como a súa tecnificación. “Antes, nunha familia gandeira cun fillo e unha filla, inculcábaselle ao mozo que quedase no negocio e á moza que non, que estudase”, apunta. “Hoxe non percibo que pase isto, creo que se lles dan as mesmas oportunidades, independentemente de se son homes ou mulleres; o que se busca é que fagan o que lles gusta. Tamén inflúe o feito de que agora isto está moito máis profesionalizado e que quen queda neste negocio non o fai porque non teña outras opcións”.
“Mellorouse moito en termos de igualdade, pero está claro que queda traballo por facer e que ás seguintes xeracións témolas que seguir educando nese sentido”, valora, á vez que remarca que, no caso de Verica, “quizais nós temos a mente máis aberta cara a este tema porque o noso socio sempre nos deu o noso lugar, tanto Carolina coma min nos sentimos sempre moi apoiadas por el. Se esa fose a tónica dominante, as cousas mellorarían máis rapidamente”.
Alba empezou a estudar Veterinaria en Valencia, pero o seu amor por Galicia fíxoa regresar antes de tempo. Agora cursa o Ciclo Superior de Gandería e Asistencia en Sanidade Animal na EFA Fonteboa e, tras isto, ten intención de retomar os seus estudos de grao, esta vez na Facultade de Veterinaria de Lugo.
“Creo que aquí, como en calquera outro sector, a formación é súper importante. O éxito do noso traballo pasa por facer unha boa xestión e, para iso, é necesario prepararse”, afirma. Por iso, “tanto por iniciativa propia como polo que me inculcaron na casa, decidín formarme o mellor posible antes de introducirme profesionalmente no sector primario, no que espero exercer como veterinaria e continuar co legado familiar, na gandería”.
O seu é vocación pura e dura. Sempre estivo moi interesada nos animais en xeral e nas vacas en particular e desde moi nova involucrouse na gandería familiar, Quintián, onde, ademais de producir, tamén comercializan directamente leite fresco e queixos.
En Fonteboa, nota diferenzas na presenza de mozos e mozas en función do tipo de formación: “Hai cursos de FP básica nos que non hai máis que dúas ou tres mozas”. Na formación superior, a balanza está máis equilibrada, aínda que, na súa clase, composta por 22 persoas, só ela e outra compañeira teñen intención de quedar no sector produtor. Cun volume de remuda xeracional tan escaso, “diría que ata te valoran máis por estar aí, formándote e apostando por incorporarte”, apunta.
Falando de equidade dentro do sector, opina que non se pode falar de igualdade real: “Eles e nosoutras si temos as mesmas oportunidades, pero non igualdade de trato; é algo no que estamos a mellorar, pero é necesario recalcar que, hoxe en día, aínda non é un feito”.
Do mesmo xeito que comentaba Verónica, Alba tamén alude a unha situación habitual relacionada co trato recibido por parte algúns provedores: “Chegan á granxa e preguntan polo xefe, ou diríxense a ti e chámante ‘María’… Que ‘María’?, ri. “Son detalles que se ven a diario e é unha tendencia que hai que cortar. Nese sentido, a miña nai, que é moi reivindicativa, sempre me ensinou a importancia de facernos valer e, para iso, non fan falta malas palabras nin crucificar a ninguén, basta con explicar con educación que no teu negocio tamén hai xefas”.
“A nosa capacidade sempre foi tan boa como a de calquera home, o que penso que cambia agora é que estamos a tomar máis a iniciativa, somos unha parte máis do equipo que integra unha granxa”, reflexiona, á vez que apunta que, en ocasións, hai quen se pon obstáculos a si mesma: “Fálase de machismo ligado aos homes, pero, ás veces, moitos micromachismos retroalimentámolos nós”. Para erradicalo, subliña, a educación debe ser a base.
Nuns tempos nos que a tendencia é abandonar o sector, Alba desmárcase e afirma que “hai que ser optimista, pero tamén ter os pés na terra, porque o certo é que non temos grandes facilidades en canto a formación e a medios que nos poidan animar a apostar por un futuro no rural”, expón.
Respecto disto, amósase crítica coa discriminación positiva que se produce á hora de adxudicar subvencións nas que puntúa –coma se dun “extra” se tratase– o feito de que a entidade solicitante conte cunha muller entre o seu persoal: “Si, a min, en particular, benefíciame, pero, ten un impacto real no sector?”, cuestiona. “Non creo que eses criterios á hora de baremar vaian facer que mozas alleas ao campo se interesen por el, nin que vaian ser decisivas para as que si queremos seguir con isto”.
Explica esta futura gandeira veterinaria que non necesita este tipo de “favores” e que, con accións como estas, “o que se está facendo é tapar outras carencias”. O que fai falta, apunta, “é que se dote de medios o rural e que se traballe para tender pontes entre o campo e as cidades”.
Por estas razóns, para ela a igualdade debe conseguirse desde dentro e, aínda que non cre que “teñamos que demostrar nada por ser mulleres”, si defende que, tendo a “liberdade para exercer o noso traballo, poderemos dar conta da nosa valía e das nosas capacidades”.
Vinte e cinco anos leva Luisa Iglesia traballando como controladora láctea na provincia de Lugo. Con orixes nunha familia gandeira, durante este tempo combinou as funcións propias de controladora con colaboracións na preparación e o coidado de gando para poxas e concursos.
Da súa traxectoria, destaca a modernización que viviu o campo nas últimas décadas: “Cando empecei, as ganderías eran moito máis pequenas, a media de vacas non era comparable coa actual, e a profesionalización tamén avanzou de maneira notable”, explica. “Isto impactou no noso traballo como controladores, claro; agora requíresenos, quizais, unha maior formación, e tivemos que ir incorporando novas tecnoloxías e tecnificándonos, como calquera outro sector”.
No que se refire á repartición de tarefas entre o persoal de Africor Lugo –onde, por certo, o número de traballadoras é moi superior ao de traballadores–, os criterios que se impoñen veñen, en todo caso, relacionados con distancias e coa repartición equitativa en canto a carga de traballo.
“Creo que son moi afortunada neste sentido, porque nunca me sentín menosprezada nin recibín un trato desigual no traballo por ser muller, nin nas granxas, nin por parte de superiores ou de compañeiros; creo que en Africor nunca tivemos ningún problema respecto diso”, valora Iglesia.
No entanto, puntualiza: “En xeral, no relativo á igualdade no traballo, creo que se avanzou moito, e que se segue avanzando, pero non debemos deixalo caer no esquecemento: aínda non está de todo normalizado, quedan cousas por facer”.
Aos poucos, apunta, a situación foi mellorando, consecuencia da concienciación, dun maior acceso á formación e dun importante cambio social. Neste sentido, subliña, “a educación en igualdade é o punto de partida, debemos predicar co exemplo ante os máis pequenos”.
Os devanditos avances foron posibles grazas “a moitas mulleres que, conscientes da situación de desigualdade que vivían, comezaron a reclamar dereitos para todas, tanto dentro como fóra do fogar”, engade. “Houbo accións clave para impulsar que accedesen a cargos de responsabilidade máis mulleres, as cales, ademais de dar exemplo, achegaron unha nova visión”.
Concretamente, Luisa alude á Lei Orgánica 2/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva entre mulleres e homes, a cal constituíu un importante paso no compromiso de España por lograr a igualdade real, e que foi seguida recentemente pola aprobación, o 5 de decembro de 2023, do anteproxecto de Lei Orgánica de representación paritaria e presenza equilibrada de mulleres e homes.
Que por que se necesitan este tipo de leis? Luisa resúmeo perfectamente: “Porque tiñamos unha gran desvantaxe”. Mentres existan medidas ou decisións no traballo, ou en calquera outro ámbito, que sigan criterios de xénero, serán necesarias normativas que axuden a equilibrar a situación. “No momento no que isto xa non sexa un problema (algo que algún día conseguiremos, espero), deixarán de ser necesarias”.
Falando concretamente do sector que nos incumbe, valora que, se é, en aparencia, eminentemente masculino, é porque a tradición levou a que eles fosen as cabezas visibles, “e as mulleres, claves para o desenvolvemento e a evolución do agro, fixeron a súa parte coma se non estivesen aí”.
Que cambios notou, entón, no que ás ganderías se refire? “As mulleres gandeiras sempre foron grandes traballadoras e hoxe, na miña opinión, ademais de traballar, tamén deciden e xestionan”. Para Iglesia é evidente o cambio no papel da muller dentro dos negocios gandeiros. “Isto tamén vén influído polo perfil de persoas que quedan nas granxas: fano porque queren, non porque non haxa outra saída; apostan por isto porque lles gusta e porque queren desenvolver a súa vida profesional neste sector. Teñen outras motivacións”, conclúe.
“Levo exercendo desde os anos 80, así que podemos dicir que son da década roqueira”, preséntase Isabel Vilariño, veterinaria de Aira cunha ampla traxectoria profesional dentro do sector do vacún leiteiro que, como introdución ao tema desta reportaxe, explica: “Sinto que as mulleres da miña xeración, e tamén as dunha xeración anterior, fixemos grandes achegas e, xunto con persoas do xénero masculino, axudamos a desenvolver o país culturalmente”.
Neste sentido, Vilariño valora que “desde que as mulleres puideron estudar o que quixeron e tiveron acceso á cultura, foron partícipes de desenvolvela en distintos ámbitos e, concretamente, a muller en Galicia ten unha importancia estrutural inmensa na familia, no traballo nas ganderías, na rede social…”.
A protagonista deste testemuño, quen se define como unha “galega orgullosa”, estudou Veterinaria en Madrid – “por vocación case de tipo xenético”, resalta– e, tras desenvolver gran parte da súa carreira profesional na comunidade galega, encomia o labor de referencia que aquí se fixo en canto a progreso e tecnificación do sector: “Foi un cambio exponencial, e produciuse á vez coa profesionalización delas e deles, así como co avance social que houbo no país”.
Así mesmo, móstrase agradecida porque “no camiño da miña vida profesional atopeime con persoas moi boas e intelixentes, independentemente do traballo que desenvolvesen, que me permitiron facer o que eu quería: traballar con vacas”. En concreto, rememora unha anécdota dunha das súas primeiras clínicas: “Cheguei a tratar unha vaca que xa daban por morta e, cando o dono, de idade avanzada, viu que o animal se recuperaba, díxome que ‘xa dicía eu que era moi nova, pero que parecía moi intelixente’. Ese home chamábase Constantino e foi un dos meus mellores aliados”.
Isabel foi a primeira muller en desenvolver o programa integral de mellora xenética da raza frisona en Galicia, concretamente comezou na cooperativa Leitulla (que, posteriormente, se integraría no que hoxe é Aira) e, ao finalizar a primeira reunión, na que explicou ao grupo de gandeiros cal era o proxecto que quería poñer en marcha, un dos asistentes dixo que “esta muller é moi brava”; con bo humor, Vilariño lembra: “Entón eu pensei que aínda non sabían canto…”.
Colabora estreitamente con institucións coma o Ligal, foi responsable de calidade de Agris, fixo transferencia de embrións, traballou en xenética, ensinou inseminación –e, recalca, “ensinei antes inseminación a mulleres que a homes”–, exerceu moitos anos como docente de prácticas na Universidade de Santiago de Compostela, foi perito xudicial, é relatora habitual en distintos congresos e conferencias organizadas por entidades públicas e privadas e eríxese como unha activista comprometida co movemento social que engloba “Unha soa saúde”.
Ligada fundamentalmente ao sector cooperativo, afirma que neste ámbito tivo a fortuna de rodearse sempre de persoas que lle outorgaron a súa confianza: “Con algunhas familias, traballei ata con cinco xeracións. Os máis maiores, cando empecei, chamábanme “nena” ou “doutora” e preocupábanse moito por min; cos gandeiros da miña idade, asumimos o reto de desenvolver profesionalmente as ganderías e agora, coas súas fillas e os seus fillos, continúo compartindo coñecementos”, enuncia.
Botando a vista atrás, ve unha clara evolución do cooperativismo en Galicia: “Eramos pequenos, humildes, como o é o pobo galego, pero fomos crecendo ata ter un gran peso, desenvolvéronse estruturas paralelas que lles axudan a ser máis competitivos… Creo que teñen que sentirse orgullosos do conseguido; eu estouno”, celebra.
Na actualidade, exerce como coordinadora do equipo de reprodución da cooperativa Aira: “Somos un grupo consolidado e moi equitativo, hai o mesmo número de mozas que de mozos, e quero destacar que é unha sorte colaborar cun equipo de persoas novas que me achega tantísimo e ás que agardo estar trasladando parte da miña experiencia”.
Respecto da maior presenza, en aparencia, de homes fronte a mulleres neste sector, Isabel explica que “iso é só a portada” e, ao preguntarlle se nalgún momento notou un trato desigual no traballo por cuestión de xénero, é rotunda: “Dicir que non sería mentir, e non é un trazo que me adorne. Outra cousa é como iso impactou en min, e foi máis ben nada”, remarca, sinalando a importancia que tivo na súa forma de desempeñarse o apoio que sempre recibiu da súa familia e as posibilidades que tivo en canto ao acceso á formación e ao traballo.
Con máis de tres décadas de experiencia neste sector, Mati forma parte da segunda xeración de veterinarias de campo, as cales estiveron precedidas por "compañeiras case dez anos maiores, que foron as que realmente abriron camiño", lembra.
Afeita de nena a percorrer granxas co seu pai, veterinario que comezou a exercer en Galicia nos anos 50, decidiu estudar unha carreira "que me permitise desenvolver desta maneira a miña vida profesional". Exerceu primeiro na clínica de grandes animais, sobre todo vacas. Durante a época de expansión do vacún leiteiro, especializouse na área da calidade do leite e, desde hai cinco anos, traballa en Naturleite, enfocada no ámbito da seguridade alimentaria. “O sector produtor e o transformador van da man e, aínda que o meu labor agora é diferente, o obxectivo segue sendo o mesmo: conseguir un produto de calidade e seguro”, afirma.
Respecto da súa experiencia de-senvolvéndose nunha profesión historicamente masculina, destaca que nunca sentiu especial discriminación, é máis, “creo que fomos benvidas e recoñecidas, e a min, persoalmente, este mundo das vacas deume a oportunidade de formarme e medrar profesionalmente”. Na mesma liña, puntualiza que “non é que tivésemos que demostrar máis, pero si tivemos que probar que sabiamos desempeñarnos nun sector no que, do mesmo xeito que pasou noutros moitos naqueles momentos, a presenza de mulleres non era o habitual”.
Do mesmo xeito, apunta que o esforzo realizado por calquera muller para acceder a un posto de responsabilidade debe ser o mesmo que o dun home, isto é, dedicar máis tempo e esmero ao exercicio profesional. “A diferenza aquí está en que esta dedicación pola nosa banda, en ocasións, non foi ben vista a ollos da sociedade”, puntualiza. “Eramos malas nais, malas coidadoras etc. Fíxosenos sentir culpables por querer exercer a nosa profesión en detrimento de atender outros labores”.
Apunta que a igualdade de oportunidades non é cousa de sectores, senón das persoas e, polo tanto, “o mundo rural en si non é machista ou, en todo caso, serao sempre que existan mulleres ou homes machistas nel”. Alcanzar a equidade, así pois, está en mans de todos, “de homes e mulleres, do campo e das cidades… e a base deberá ser sempre a educación”.
Entre os principais hándicaps que pode atoparse unha veterinaria coma ela á hora de desenvolverse profesionalmente, Matilde alude ao “pluriemprego”, algo común a calquera gremio… “Tradicionalmente, as mulleres coidamos de nenos, maiores e enfermos e, cando demos o salto ao mundo profesional, esperábase que seguísemos facendo tamén esas outras tarefas”, reflexiona, e sinala este factor coma un dos limitadores en canto a unha maior presenza feminina nalgúns traballos ou mesmo en determinados eventos. Afortunadamente, engade, ese tipo de costumes estanse a refugar “e, se se está facendo, é tamén porque os homes saben que, se poden ser veterinarios, gandeiros ou enxeñeiros, tamén poden poñer unha lavadora ou tender a roupa", ri.
Outro escollo ante o que se atopan moitas traballadoras é o relacionado coa retribución salarial. “Todo o mundo traballa por algo”, remarca Matilde, “e para que a muller se poida seguir desenvolvendo profesionalmente é clave eliminar a brecha salarial; non debemos esquecer que, ademais de poder acceder a postos de maior responsabilidade, tamén necesitamos unha remuneración na que non se fagan distincións entre uns e outras”.
En definitiva, Mati avoga por proxectarse “como o que somos, e de ningunha maneira somos a parte débil, senón unha parte traballadora máis”, así como por non poñerse límites e atreverse a romper teitos de cristal. “Tamén é importante como te perciben, por suposto; por iso é tan importante a educación, e aí a sociedade e, sobre todo, as familias teñen moita responsabilidade”.
Coa incorporación de Yomar a Elmega hai tres anos, abriuse un novo capítulo referente á terceira xeración dentro desta empresa familiar que, na actualidade, están a xestionar dúas mulleres: María José e Soraya Otero, nai e curmá de Yomar, respectivamente.
Se decidiu apostar por integrarse no negocio, sinala, foi polo apoio da súa familia en xeral e do seu avó, José Luís Otero, moi en particular: “El foi un dos fundadores e gran comercial na súa época; vendeume moi ben a idea de darlle continuidade á empresa da man dos meus pais e os meus curmáns, e por iso estou nela, aprendendo da súa experiencia e achegando ideas frescas”.
Preséntase dicindo que a súa experiencia “é curta, pero ambiciosa”, e non lle falta razón. Con anterioridade, estivo no Reino Unido, instalando pistolas de limpeza de tetos para vacas, e, antes diso, dedicou uns anos a formarse en fabricación, realizando dous ciclos superiores: un en programación da produción en fabricación mecánica e outro de deseño industrial.
No primeiro deles era a única muller nunha clase de 22 persoas e a experiencia foi canto menos desafiante. “Tiven que esforzarme moito máis que algún compañeiro para, segundo eles, estar á altura”, explica. “Sexa como for, conseguín superar todos os retos, demostrei que podía facelo”, di, á vez que destaca a confianza e os ánimos que recibiu naqueles momentos por parte de seu avó. “Díxome que era perfectamente capaz, e tiña razón. De feito, na clase de fabricación, por exemplo, na que usabamos tornos e fresadoras, fun unha das notas máis altas, o que creo que é unha proba de que calquera muller que lle poña ganas pode facer o mesmo traballo ca un home de igual maneira, se non mellor”.
Unha parte das súas funcións está relacionada coa participación en feiras agrícolas e de maquinaria, onde, apunta, “a presenza de mulleres aínda é significativamente menor”, malia que, en xeral, “nos últimos cinco anos noto unha evolución no sector, reflexo tamén do cambio que se está a producir na sociedade, e cada vez hai máis mulleres desenvolvendo un rol de liderado. Aínda que queda moito camiño por percorrer, tamén creo que se fixo xa moito neste sentido”.
Aludindo ao comentado por outras entrevistadas desta reportaxe respecto ao trato dalgúns comerciais á súa chegada ás ganderías, Gerpe é rotunda: “A min dáme igual con quen tratar. Diríxome a calquera cliente por igual e se, por exemplo, é o caso dunha parella, sempre acordo con ambas partes a decisión final”.
En canto ao desenvolvemento da súa actividade profesional, sinala que nunca experimentou unha diferenza de trato notable, aínda que “ás veces, chego a algunha granxa para repartir, por exemplo, un arrimador de comida, e deseguido se achegan para axudarme a facer algo que, en realidade, forma parte das miñas funcións”, razoa. “Despois, cando me ven tan solta, facéndoo, sorpréndense!”, ri. “Este tipo de cousas non son máis ca un estigma social que estamos a erradicar día a día, poñéndolle ganas ao noso traballo”.
Así e todo, cre que a posible falta de confianza respecto do seu desempeño profesional non adoita ir tan ligada ao seu xénero como á súa idade: “Eu relaciónoo máis ben coa falta de experiencia e, nese sentido, paréceme perfectamente normal que confíen máis na bagaxe que poidan ter neste sector meus pais, por exemplo”.
A necesidade de traballar para equiparar a presenza de mulleres en todos os ámbitos, di Gerpe, é algo que se debe facer a nivel xeral. Respecto do seu caso en concreto, “considero sinceramente que, nun sector coma este, que se pode considerar máis ben masculino, as mulleres si temos que esforzarnos máis para demostrar a nosa valía”, pero ese esforzo, afirma, merece a pena: “Facéndoo, abrimos camiño, calamos bocas e derrubamos moitas barreiras”.
“Polo que vexo ao meu redor, non somos moitas as mulleres que traballamos con maquinaria agrícola, malia que estamos igual de capacitadas para facelo”, introduce Gema Doval, propietaria, xunto coa súa parella, desde 2011, da empresa de servizos agrícolas Nogueira e Xeixo, onde combina as tarefas administrativas co soporte en campo –fundamentalmente realizando labores de encintado– nas épocas de maior carga de traballo.
Os motivos para esta falta de presenza feminina no seu sector non teñen maior explicación, máis aló da tradición: “Sei que o típico sempre foi que sexan os homes os que movan maquinaria, pero co tipo de equipos que hai hoxe en día, temos as mesmas facilidades para manexalos homes e mulleres”, lembra. Nin unhas nin os outros teñen, per se, maiores capacidades, senón que se trata dunha cuestión relacionada coas habilidades propias de cada persoa.
Aludindo a un argumento habitual, relacionado coa forza física, Gema non obvia que, para determinadas prácticas, require dos seus compañeiros: “Axudarlles a enganchar, por exemplo, é máis complicado, porque non teño a mesma complexión ca un home, pero respecto de conducir e facer os traballos? Nosoutras tamén o podemos facer perfectamente!”.
Valora que, no que se refire aos seus compañeiros, nunca percibiu ningún tipo de trato diferente. Pola contra, non sempre ocorre o mesmo de portas para fóra: “Cando chegas a unha granxa nova, ata que non ven o teu traballo feito dubidan de que o vaias facer correctamente. Iso si me pasou”, explica. “Parece que, por ser muller, tes que demostrar máis as túas capacidades de entrada", reflexiona.
Con todo, sinala que esta tendencia cada vez é menos común e que se adoita dar en persoas de máis idade, afeitas aos roles máis tradicionais e que non son clientes habituais: “A xente máis nova creo que xa nin pensa neste tipo de cuestións; nin moito menos as ganderías que xa nos coñecen e que levan anos confiando en nós”.
Na mesma liña, sinala que non percibe diferenza ningunha en canto ao trato por parte dos comerciais: “Dá igual se cando chegan está Diego ou estou eu, aínda que, por exemplo, se imos adquirir maquinaria, quizais si é habitual que, polas tarefas que desempeñamos cada un, o xestionen primeiro con el, aínda que despois a decisión da compra sempre é conxunta, loxicamente”.
Que queda moito por andar para equilibrar a proporción de mulleres e homes neste sector resulta evidente: “Desde logo que hai moita marxe para a presenza de compañeiras neste traballo; aínda segue sendo difícil atopar unha muller chofer, por exemplo”, destaca Gema, algo que extrapola ao resto das áreas coas que interactúan. “Todos os nosos comerciais de maquinaria son homes, e é a tendencia habitual. Diríache que, como moito, vén algunha muller de empresas de recambios, ou de aceites”.
En Nogueira e Xeixo están máis que dispostos a achegar o seu gran de area para que esta tendencia cambie: “Temos varias ofertas de traballo e a nós dános igual se se postula un mozo ou unha moza, o que queremos é xente que queira traballar”, remarca Gema.
Falando das ganderías ás que presta servizo e, en xeral, do rol da muller dentro das granxas, destaca o cambio que se está producindo: “A muller sempre tivo un papel importante nas granxas, a pesar de que se cadra non era a que daba a cara. Alégrome de que isto estea a cambiar e que cada vez sexan máis as que toman a iniciativa de formar SAT ou cooperativas”, celebra. “Gustaríame animar as mulleres rurais a que sigan facendo o seu traballo, porque, se o rural morre, isto acaba, morremos todos”, engade, lembrando que o traballo de cada elo da cadea é imprescindible.
Conta Marta Miranda que, cando deixou a súa Asturias natal en outubro de 1989 para estudar Veterinaria en Lugo, un profesor lles explicou que eran a primeira promoción da carreira na que a porcentaxe de alumnos e alumnas estaba equilibrado. Tras a súa incorporación como docente no 2000 foi apreciando como isto ía variando ata os datos actuais, nos que a presenza feminina triplica á masculina nas súas aulas.
Respecto do que sería a dedicación a grandes animais, expón que as cousas cambiaron nas últimas décadas: “Cando eu comecei a carreira, moitas persoas, tanto homes coma mulleres, tiñan dentro dos seus primeiros obxectivos como saídas profesionais ser veterinarios de campo. Hoxe en día, a porcentaxe que quere dedicarse a animais de produción é moi baixo. De feito, é un tema moi preocupante”, advirte.
De familia gandeira e ligada á docencia en grandes animais desde hai case tres décadas, Miranda estivo tamén vinculada ao Hospital Veterinario Rof Codina e ten experiencia facendo substitucións, principalmente en clínica de vacún, das que garda algunha anécdota dos seus primeiros anos...
“Algunha fin de semana, facendo o circuíto habitual de meu irmán, que tamén é veterinario, cando me vían chegar a min para inseminar desconfiaban, era típico; por iso, despois prestábame moito ir facer a cesárea e poderlles dicir ‘mirade se quedou preñada… e ben preñada!’”. No entanto, remarca Miranda que este tipo de receos son xa cousa do pasado: “Creo que era algo que pasaba hai anos e que agora algo así moitos gandeiros xa nin o considerarían; ademais, tamén inflúe a idade, porque cando estás a empezar, independentemente de se es mozo ou moza, parece que tes que facerte valer un pouco para que te respecten”, apunta.
Falando da importancia de poñer sobre a mesa o debate respecto da igualdade de oportunidades no traballo, sinala que “é unha necesidade que se avance nese sentido” e valora positivamente a crecente presenza de mulleres “en practicamente todos os sectores, o que é bo para a sociedade en xeral”, aínda que lamenta que en determinadas ocasións o “ruído de fondo” poida deslucir os logros conseguidos.
Referíndose máis concretamente ao cambio experimentado no papel da muller traballadora neste sector, celebra o acadado tras “moitos anos rodando” e lembra que, neste momento, á fronte das ganderías “hai grandes profesionais, homes e mulleres, que se formaron, que coñecen o sector e que son os que están a marcar o camiño a seguir”. Na mesma liña, referíndose ao cambio de funcións dentro dos negocios, explica que, segundo a súa propia experiencia, “quizais sexa un tema que foi un pouco por zonas”, aínda que na actualidade a tendencia é atoparse cunha repartición máis equitativa.
“O que si creo que foi sempre habitual é que a muller sexa a que leve a parte fina da granxa, como o muxido, por exemplo, onde son cruciais a limpeza e a protocolización”. Esta función, tradicionalmente, debía ser combinada con outros labores: “Isto foi algo que vivín persoalmente, xa que miña nai, ademais de traballar na gandería, asumía os deberes familiares e atendía a casa”.
Os tempos cambian, os roles tamén. “As novas xeracións, as novas gandeiras, son as que teñen o traballo de buscar unha maior visibilización, xa o están facendo; cada vez son máis as que lideran auténticos proxectos no rural”.
Para que esta tendencia vaia á alza, apunta esta docente que unha das claves está en trasladarlles ás administracións a necesidade de establecer como unha das súas liñas centrais de actuación a potenciación do sector produtor, así como ser conscientes de que “a muller ten un papel importantísimo, tanto a nivel social como laboral, e que, polo tanto, a nosa achega será clave para o desenvolvemento do rural”.
CONTRA A DISCRIMINACIÓN, OLLO CRÍTICO
España aínda arrastra unha cultura notablemente patriarcal. Afírmao a directora do Centro de Estudos de Xénero e Feministas da Universidade da Coruña Teresa Piñeiro, e non se refire ao sector produtor en particular, senón que recalca que se trata dunha tendencia xeral: “A organización dos roles dentro da familia, por exemplo, aínda está bastante marcada por cuestións de xénero. Os labores do home están máis vinculados á economía, á alta xestión, e os roles da muller teñen que ver coa organización familiar e coa administración dos orzamentos domésticos”.
No entanto, está claro que os movementos en defensa da igualdade están a calar fondo. É o signo dos tempos. “Cada vez somos máis conscientes desta desigualdade; é unha realidade que ata hai relativamente pouco non se debatía”, apunta Piñeiro. No que se refire ao traballo, progresivamente foron quedando patentes as diferenzas existentes en canto ao salario, ás posibilidades de ascenso ou ao tipo de trato recibido no día a día.
“O que ocorre é que moitas veces nos centramos nas accións máis graves e pasamos por alto actitudes como a infantilización, ou que se fagan comentarios xocosos cando quen intervén é unha muller”, subliña a directora do Centro, á vez que lembra que a discriminación tamén pode ser positiva.
Un bo truco para ditaminar se algo é ou non discriminatorio é cambialo de sexo para ver se soa “raro”. Se alguén chega a un negocio e di ‘só quero falar con el’, ten as mesmas connotacións que dicir ‘só quero falar con ela’? Se tras tomar a palabra unha compañeira nunha reunión formal alguén di ‘míraa, que ben fala’, tería a mesma intención se se lle dixese a un compañeiro? Tería cabida sequera ese comentario dirixido a un home?
O xénero márcanos e, en moitos contextos, define aínda a maneira en que se dirixen a un. En ocasións, mesmo pode estar interrelacionado con outras variables, como, por exemplo, a idade.
A realidade é que o que determina verdadeiramente as aptitudes dunha persoa son cuestións relacionadas con características da súa vida, coa súa educación ou con habilidades que ben lle poden ser innatas. “A discriminación está en presupoñer que un home ou unha muller vai ser mellor ou peor nun labor determinado por razóns ligadas ao seu sexo”, remata Piñeiro.