Lactalis, Leite Río e Celega, sancionadas por irregularidades nos contratos de recollida do leite

Lactalis, Leite Río e Celega, sancionadas por irregularidades nos contratos de recollida do leite

A Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA), organismo encargado de vixiar o cumprimento da legalidade en materia agroalimentaria, vén de sancionar ás industrias Lactalis, Leite Río e Celega por irregularidades nos seus contratos. As multas parten das denuncias presentadas no ano 2020 pola asociación de gandeiros e gandeiras Agromuralla ao detectar que os contratos de compra do leite aos produtores non cumprían co estipulado na lexislación.

Deste xeito, a AICA dá a razón a Agromuralla en canto a que os contratos presentados por Lactalis, Leite Río e Celega "non inclúen os extremos que como mínimo deben conter os contratos alimentarios". En concreto, o precepto 23.1.b) da Ley 12/2013 da Cadea Alimentaria. A maiores, no caso de Celega a infracción ten que ver con "realizar modificacións no prezo incluído no contrato que non están expresamente pactadas polas partes", segundo se detalla nunha comunicación que recibiu Agromuralla por parte da Axencia.

Agromuralla amosouse satisfeita pola intervención deste organismo, pero pide, non obstante, "que actúe de oficio, vixiando o cumprimento da lei e en defensa dos dereitos dos produtores, sen que teñan que ser os propios gandeiros os que se vexan obrigados a denunciar e a enfrontarse ás empresas que lles recollen o leite".

Así mesmo, a asociación de gandeiros e gandeiras anunciou que se manterá "vixiante" e que levará ante a AICA "todas aquelas situacións que vulneren a normativa e supoñan un motivo claro de indefensión para os produtores".