EUGÉNIO CÂMARA (MONTE INGLÊS - FAJÃ DE CIMA, SAN MIGUEL, AZORES)

“Estamos a ter dificultades para vender algúns produtos”

O Goberno Rexional de Azores adoptou determinadas regras dunha forma precoz que atallaron con moita eficacia a propagación da covid-19. A poboación, ao ver a traxedia que estaba a ocorrer nalgúns países, acatou con gran responsabilidade a súa aplicación e, así, a rexión conseguiu ata agora manter un nivel de contaxio moi baixo, mesmo hai tres illas sen casos.

Tendo en conta a realidade rexional, fixemos algunhas accións de formación cos funcionarios para explicar cales eran os procedementos e as actitudes máis adecuadas, tanto na explotación coma nas nosas vidas persoais. Nas tarefas de máis proximidade, coma o muxido, incorporamos o uso de máscaras e desinfectante para as mans.

En termos de produción, non tivemos dificultade para adquirir as racións nin ningún material, aínda que si existen algunhas dificultades a nivel portuario debido á redución de man de obra. En canto ás vendas, xa se rexistra unha redución no prezo do quilo de carne e estamos a ter dificultade para vender as vacas de descarte. Se falamos do leite, algunhas industrias xa baixaran o prezo do litro de leite e é máis difícil vender algúns produtos, como o leite en po ou queixos de maior valor económico.

A gran verdade é que a última cousa que o ser humano deixa de facer é alimentarse e agora cómpre recoñecer cales son os produtos que teñen mercado na conxuntura actual. Coa restauración pechada houbo unha gama de alimentos que se deixou de consumir e, doutra banda, as persoas na casa pasaron a adquirir outro tipo de produtos.

No futuro paréceme que só lograremos a estabilidade cando todas as actividades económicas estean a funcionar. O caso do turismo, nunha rexión como Azores, é moi importante para a variedade dos axentes económicos e tamén para o consumo das nosas producións agrícolas. 


LER CON LUPA COMPLETO: O LÁCTEO, UN SECTOR PARA TEMPOS DE CRISE