ODÓN CASTRO (SAT O PALOMAR – LÁNCARA, LUGO)

“Agardo que todo isto polo menos sirva como reflexión e para saber que, se se para o sector primario, párase todo”

No noso caso, ao ter dúas granxas, estamos algo máis expostos porque nos temos que desprazar dun lado ao outro e, en xeral, ademais de ter paralizadas as concesións de axudas e co sector da maquinaria bastante limitado, agora que estamos coa campaña, tivemos que adoptar novas medidas.

Temos contratados servizos externos e estamos tentando non coincidir con eles, que haxa as menos visitas á explotación posibles... Por exemplo, agora mesmo, os veterinarios só están a entrar cando hai algún problema clínico. Neses casos, déixolles o animal identificado e apartado e, por teléfono, fálolles das patoloxías que ten. Despois pásanme a información que necesite por mensaxe ou por correo electrónico. De feito, coa persoa que nos está levando a nutrición e a xestión estamos a facer todo vía telemática.

No referente aos traballadores, estamos a pedirlles que non fagan ningunha saída ao exterior, tomamos todas as medidas necesarias (luvas, máscaras, desinfectar...) e tentamos ter o mínimo contacto posible.

Realizamos tres muxidos ao día e cada traballador encárgase dun, mentres que alguén máis dá apoio fóra da sala (limpando, coa comida etc.). O muxido está a ser un tema complexo, a verdade, porque ao ser unha instalación nova aínda estamos pendentes de que todo funcione adecuadamente.

En canto ao número de cabezas tamén temos un problema, porque non temos saída para as vacas de desvelle, ás que, ademais, se lles reduciu o prezo máis ou menos á metade, e o 15-20 % dos nosos ingresos veñen da venda de carne (vendemos entre 60 e 70 vacas/ano).

A renovación do contrato fixémola en abril, co inicio do brote no país, pero non tivemos ningún problema e, de momento, está todo estable. De feito, estiven a falar coa xefa de compras e díxome que non tiñan previsto facer ningún tipo de cambio. Imaxino que tamén buscan unha certa estabilidade porque, ao final, estamos a traballar cun produto primario.

En canto a seguridade, hixiene e calidade, o consumidor pode estar tranquilo ao 100 %: os estándares alimentarios que temos seguen sendo moi estritos. Tamén me gustaría destacar que, cando hai un problema, na alimentación seguimos producindo, e hai cousas que non se pagan só dando as grazas. Nós nin co confinamento podemos deixar de traballar e iso proba que todo o que lles tratamos de transmitir tanto a quen nos goberna como a quen nos compra os produtos é certo. Por iso espero que todo isto que estamos a vivir, polo menos, sirva como reflexión e para saber que, se para o sector primario, para todo.


LER CON LUPA COMPLETO: O LÁCTEO, UN SECTOR PARA TEMPOS DE CRISE