As oito fábricas do Grupo Lactalis en España levan traballando a máximo rendemento desde o inicio do estado de alarma co obxectivo de abastecer a demanda de leite e produtos lácteos e cumprir así co noso compromiso de ofrecer ininterrompidamente alimentos de primeira necesidade á poboación. A cadea alimentaria está a funcionar cal maquinaria de reloxo grazas á dedicación e ao esforzo dos nosos 1.800 colaboradores en fábrica, que están a acudir a diario aos seus postos de traballo, e dos 2.300 gandeiros e recolledores que, cun altísimo sentido da responsabilidade, seguen entregándonos todos os días a súa produción. Os nosos gandeiros son un elo clave e implantamos as medidas necesarias para garantir a recollida de leite de ganderías españolas durante o estado de alerta.
As vendas de leite e produtos lácteos, que creceron de forma importante durante as primeiras semanas da crise, fóronse estabilizando. Pola contra, hai outro importante negocio, como é a hostalería e restauración, que se viu moi afectado polo peche de negocios.
A seguridade dos nosos colaboradores é prioritaria, polo que reforzamos os nosos protocolos de seguridade e hixiene, incluíndo a limpeza e desinfección diarias de todas as áreas comúns; as medidas de control para a entrada de visitantes, subcontratas e transportistas ás fábricas, e os protocolos para empregados vulnerables e de actuación ante posibles casos de positivos. Ademais, adaptamos os horarios de entrada, saída e descansos para evitar que coincidan grupos grandes.
Para os nosos gandeiros, recolledores de leite e transportistas, tamén puxemos en marcha unha serie de recomendacións para protexelos a eles e as súas familias. En termos xerais, recomendamos a utilización de máscaras, a hixiene continua e gardar a distancia de seguridade entre persoal da explotación e recolledores.
Mirando a Europa, vemos situacións moi diferentes. Mentres que en Francia ou Alemaña se produciron caídas do prezo do leite pola menor actividade industrial, en España os prezos non variaron, incluso o aumento da demanda propiciou unha subida anómala do prezo do leite spot. De cara ao futuro, haberá que ver como se segue a comportar o mercado español, a evolución do prezo internacional da manteiga (que se veu abaixo) e que incidencia ten a entrada de leite europeo en formato de queixo en barra a prezos moi baixos.
Agora é importante traballar para que, no medio da crise económica que se aveciña, a cadea de valor do sector lácteo español non se vexa impactada de maneira significativa.
LER CON LUPA COMPLETO: O LÁCTEO, UN SECTOR PARA TEMPOS DE CRISE