No noso día a día a verdade é que a pandemia non afecta moito e si é certo que cunha crise desta magnitude un aínda valora máis ao que se dedica, que che permite gozar da natureza e dos animais todos os días.
O que si fixemos foi variar algunhas rutinas para previr os contaxios dentro da gandería e establecemos varias medidas para evitar o contacto entre uns e outros tanto como sexa posible, por exemplo, almorzar cada un nun sitio diferente e manter unha separación suficiente nos vestiarios. Todos os traballadores dispoñen de máscaras e puxemos á súa disposición xabón para desinfectarse en moitos puntos da granxa; a sala, que vemos como un dos puntos máis conflitivos, desinfectámola cun produto escumante en cada muxido. Ademais, falamos con todo o cadro de persoal para que tomen conciencia da situación e sexan responsables cando saen da granxa cara aos seus fogares.
No noso caso, boa parte do leite vai directamente a comercios de alimentación, xa sexa en forma de queixo, nun prato precociñado ou embotellado directamente; por tanto, por agora non tivemos problema para seguir comercializándoo e esperemos que así siga.
No que se refire a prezos de mercado, o lóxico sería que esta crise lles dese un pouco máis de valor aos produtores nacionais, xa sexan de leite, de carne ou do que sexan. En momentos coma o que se está vivindo o xusto e razoable sería que o sector primario tivese unha revalorización social e, evidentemente, isto se transformase tamén nunha revalorización de prezos.
LER CON LUPA COMPLETO: O LÁCTEO, UN SECTOR PARA TEMPOS DE CRISE