ARANZA GONZÁLEZ - ADSG MESÍA (A CORUÑA)

“Nas ADSG afectounos o parón dos laboratorios, toda a analítica de control está parada”

Como as actividades ligadas á cadea alimentaria non pararon, a nosa tampouco chegou a parar de todo, pero si se reduciu o noso traballo de campo. Nas ADSG afectounos directamente o parón dos laboratorios. O Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia (Lasapaga) está a dedicarse á análise de mostras da covid-19, polo que nós só podemos facer analíticas de animais comprados e de urxencias de enfermidades do programa sanitario, toda a analítica de control de rutina está parada. O que seguín tentando manter foron os programas vacinais e agora mesmo, vendo que isto se prolonga, vou tentar pór ao día o programa de desparasitaxe, sendo sempre moi estrita con todas as medidas de prevención para evitar a propagación desta pandemia.

En canto ao traballo telemático, grazas á receita electrónica, que xa estaba implantada desde o ano pasado, puidemos seguir prescribindo os produtos que están dentro dos programas da ADSG e os gandeiros puideron seguir cos tratamentos de rutina para que non se visen minguadas as súas producións. A maiores, o noso traballo de rutina xa ten unha parte importante (30-40 % do traballo) de papelorio e manexo de datos cunha aplicación informática que nos facilita a Xunta de Galicia e estes días ese traballo pasou a ser o 80-90 % do noso día.

No uso dos EPI, a máscara foi a principal novidade, pois as luvas, a roupa de plástico e os desinfectantes xa os utilizamos de rutina, así como tentar manter as distancias de seguridade cos gandeiros e o persoal das explotacións. A nivel persoal, intensifiquei a desinfección á hora de entrar na miña casa, tendo unha zona no garaxe onde me desfago da roupa e o calzado co que saio a traballar.

Nós somos os técnicos encargados do asesoramento sobre bioseguridade e os gandeiros xa están moi afeitos. Agora son moi conscientes e asimilan moi ben todas as medidas de bioseguridade que son necesarias para combater este novo coronavirus que ataca a súa propia saúde. Ademais, sumeime á campaña que comezou un compañeiro veterinario de Lugo, “Blindar o rural da covid-19”, na que tentamos dar información e colaborar na difusión de carteis sobre as medidas básicas, adaptándoas ás circunstancias do rural.

Como dicía, o principal labor das ADSG é precisamente a prevención dirixida aos rabaños coa aplicación de programas sanitarios preventivos, que teñen como finalidade loitar fronte a diferentes patóxenos, entre eles virus como o da IBR, o da BVD, os rotavirus e coronavirus das diarreas neonatais, o virus sincitial e a parainfluenza..., causantes de múltiples enfermidades coas que os gandeiros conviven a diario. Nós tentamos axudalos a mantelas baixo control polas perdas que supoñen nas súas producións.

Despois de 16 anos de experiencia temos claro e demostrado que as medidas de bioseguridade que aplicamos, as analíticas de control rutineiras, seleccionando moi ben a quen se lle fan, e a vacinación, cando é posible, son as únicas formas para controlar estes problemas. Ademais, todo isto está integrado nun Plan Estatal de Coordinación de Alerta Sanitaria Veterinaria, ligado directamente á Organización Mundial de Sanidade Animal (OIE), organismo creado xa antes que a OMS para o control das zoonoses (enfermidades que se transmiten dos animais ás persoas). Sabendo isto, e con toda a humildade, penso que os veterinarios poderiamos achegar moito ao enfoque global do control desta enfermidade, claro que si.


LER CON LUPA COMPLETO: O LÁCTEO, UN SECTOR PARA TEMPOS DE CRISE