Coa última poxa de Fonterra, que se celebrou hoxe, quixemos facer unha comparativa en maior profundidade sobre como foi a evolución tanto do prezo medio de venda, como dos produtos por separado. A nivel xeral, o incremento xa é moi rechamante: o ano pasado, nestas datas, o índice global de prezos do comercio de produtos lácteos crecera un 4,5 % con respecto á quincena anterior e o seu valor media estaba nos 3.111 $/tonelada. Hoxe, tras un incremento do 1 % no mesmo índice con respecto á anterior poxa, o prezo medio dos produtos sacados a poxa é de 4.011 $/tonelada. Noutras palabras: nun ano, o valor do lácteo incrementouse un nada desdeñable 28,93 %.
E EN QUE SE TRADUCE ISTO AO FALAR DE CADA PRODUTO DE XEITO INDIVIDUAL?
| Setembro 2020 | Setembro 2021 | |
| Leite enteiro en po | 2.985 $/ton | 3.777 $/ton |
| Leite desnatado en po | 2.918$/ton | 3.302 $/ton |
| Manteiga | 3.282 $/ton | 4.857 $/ton |
| Queixo | 3.674 $/ton | 4.274 $/ton |
Nun ano o prezo medio do produto en orixe aumentou no mercado de referencia case un terzo, pero os gandeiros seguen recibindo condicións cada vez peores pola súa produción. Entón, a cuestión é: en que momento comezarán a impactar estes datos nos seus ingresos? Quizais cando a industria deixe de tratar aos produtores como a parte máis maltratada da cadea.
As subidas das que falan Covap, Naturleite, Iparlat, Clun e Pascual, as cales están referendadas polas anunciadas por Mecadona e Carrefour nos lineais, son insuficientes e, se destacan, é porque esperamos que, tras elas, cheguen as das grandes industrias do sector en España. Onde está Capsa, comercializadora de Central Lechera Asturiana e Larsa? Onde está Lactalis, dona de marcas tan coñecidas como Puleva, President, Reny Picot, Leite Rio e Leche Celta? A que están a esperar?
A situación está a alcanzar tal nivel de descontrol que mesmo desde o Ministerio de Agricultura Pesca e Alimentación están a pedir a produtores e operadores denuncien o incumprimento das condicións acordadas cos compradores. A situación váisenos das mans, e poida que así, poñendo nomes e datos sobre a mesa, os responsables atopen maiores dificultades para seguir transformando e envasando a prezo regalado un produto que, antes de chegar ás súas mans, foi producido con coidado e esforzo por unha banda do sector á que como sigan devaluando desta maneira terminará por desaparecer. E con eles, desaparecemos moitos outros.