Xornada de portas abertas de Lely

Un sistema de traballo máis tranquilo en Compte Isern grazas ao tráfico libre

Tres Lely Astronaut A5 son os robots dos que dispoñen os propietarios de Compte Isern, unha gandería familiar situada en Vic, moi preto de Barcelona. Jordi Compte é socio do negocio xunto coa súa muller, seu pai e seu fillo. Para as tarefas diarias da gandería contan coa axuda de algúns empregados; aínda que antigamente contaban con máis persoal e xa alcanzaban os tres muxidos diarios, agora séntense moito máis tranquilos e cómodos co muxido robotizado. Ver en Vaca Pinta 44.

Lely organizou no mes de febreiro unha xornada de portas abertas nunha gandería de referencia en Cataluña: Compte Isern, situada en Vic (Barcelona), para ensinarlles aos visitantes o funcionamento dos Lely Astronaut A5 e do Lely Juno que posúen nesta explotación. Actualmente teñen 250 vacas en lactación –das cales case 190 se moxen en robot – e aproxímanse aos tres muxidos diarios, cunha produción de 45 kg de leite por vaca ao día. Os animais distribúense en tres lotes diferenciados, cun robot en cada un deles.

UN ANO DE MUXIDO ROBOTIZADO

Os dous primeiros A5 instaláronos en Mas Isern hai xa máis dun ano, cunha diferenza dun mes entre os dous e, seis meses despois, decidiron implementar na granxa unha terceira unidade. Así pois, combinan o muxido robotizado coa sala de muxidura, que aínda manteñen e utilizan.

O principal motivo polo que decidiron levar a cabo este cambio no negocio foi para buscar un sistema de traballo un pouco menos estresante: “Non somos unha grande explotación e custa manexar unha media de tres muxidos diarios, así que decidimos optar polo robot para conseguir máis tranquilidade no traballo”, explicou Jordi Compte, un dos propietarios da granxa.

MÚLTIPLES BENEFICIOS COS ASTRONAUT

Desde Compte Isern puideron observar durante todo este tempo que vantaxes lles outorgou o muxido robotizado. Compte manifestou que “de momento mantivemos a produción e a melloramos un pouco; non é sinxelo mellorar cando xa estás en tres muxidos ao día de media. Ademais, o robot dános liberdade tanto para nós coma para o gando”.

Outro dos beneficios que destacou Jordi Compte dos robots foi a información que consegues con eles: datos de ruminación, inxestión, mamites, temperatura… “Cunha ollada á pantalla, xa case sabes que vaca está enferma”, afirmou.

Os robots de Lely resultan ser tamén moi fiables na granxa: “Ao día teñen unha media dun fallo ou quizais de dous”, apuntou Unai Etxaiz, delegado de vendas de Lely no País Vasco, Navarra e Cataluña.

POR QUE LELY? A IMPORTANCIA DO TRÁFICO LIBRE

A razón máis significativa pola cal escolleron Lely fronte a outras opcións e compañías foi polo benestar dos animais dentro do robot. Outro modelo de muxidura que se ve moito pola zona é o de batch milking, o cal os socios de Mas Compte descartaron por completo: “Para unha gandería como a nosa non é rendible, á parte de que segues traballando nun sistema de sala de muxidura: as vacas van a unha sala a esperar. Non teñen a liberdade que teñen co tráfico libre”.

Así pois, os bos resultados que se conseguen nas explotacións que confían nos Lely Astronaut, como é o caso de Mas Isern, débense en gran parte ao sistema de manexo de tráfico libre, concepto que Lely tivo en conta desde os seus inicios, tal e como sinalou Alberto Sánchez, responsable de vendas e márketing de Lely Center Los Corrales. Unai Etxaiz explicou neste sentido que así as vacas van descansar, comer e beber cando elas queren, o cal redunda nunha maior produción, menos man de obra e mellora a vida do gandeiro e o comportamento dos animais; nesta explotación, de feito, obsérvase que os exemplares están moi tranquilos. “En definitiva, conseguimos que as vacas sigan sendo vacas”, destacou Etxaiz.

“Se os animais están cómodos no robot, hai uns bos datos de produción e posúen unha alimentación óptima, non fai falta moito máis. Con Lely, a vaca vaise muxir cando quere e como quere”, concluíu Jordi Compte.

O PROCESO DE INSTALACIÓN DOS ROBOTS

Pedro García é o coordinador de proxectos de Lely en Cataluña e tamén asistiu á xornada de portas abertas. O seu traballo consiste, principalmente, en acompañar ao gandeiro durante a obra e a instalación do robot. “O noso traballo empeza desde que se produce a venda por parte do comercial ata que empeza a funcionar o robot”, relatou García.

Deste xeito, toda a parte que leva de obra civil un robot, desde a realización dos muros aos desaugadoiros, pasando pola escavación e polos temas relacionados coa luz e a auga, que son necesarios para o funcionamento da máquina, son responsabilidade do coordinador de proxectos.

O primeiro paso é definir o lugar onde irá o robot falando co gandeiro, “sempre atendendo a dous principios básicos de Lely: o tráfico libre e o confort animal”, puntualizou García, que tamén expresou que isto é importante porque adoita desembocar en que as vacas visiten máis o robot. “A longo prazo, os gandeiros observan por eles mesmos que aplicar estes principios é o correcto”, engadiu.

“O robot é unha máquina feita para o benestar das vacas e o que é mellor para elas tamén o vai ser para o gandeiro”, razoou o coordinador de proxectos.