Ampliado o prazo de presentación de solicitudes das axudas para a mellora de explotacións e a incorporación de activos ao agro

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a orde mediante a cal se amplía o prazo ata o 22 de abril para solicitar as axudas de apoio os investimentos nas explotacións agrícolas e para a creación de empresas de agricultores mozos ou para persoas de entre 41 e 55 anos. Deste xeito, os interesados disporán de máis tempo para tramitar estas subvencións.

Mediante estas axudas búscase mellorar a estrutura produtiva das explotacións galegas e avanzar na consecución dunha adecuada dimensión e un correcto equilibrio dos seus factores de produción co obxectivo de mellorar a competitividade. Ademais, procúrase acadar un rexuvenecemento da poboación activa agraria e fomentar o emprego neste sector, con especial consideración cara ás mulleres, co fin último de fixar poboación no rural.

A convocatoria destas achegas publicouse o pasado día 22 de xaneiro no DOG, cunha dotación económica de 47 millóns de euros. Estas subvencións pertencen ao plan estratéxico da política agraria común (Pepac) de España 2023-2027. O orzamento está cofinanciado nun 12 % pola Administración xeral do Estado, nun 28 % pola Xunta de Galicia e nun 60 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).